Se o que buscas é un destino onde pasar uns días gozando de forma tranquila, desconectar das présas do día a día e sen aglomeracións, Noia é unha aposta segura.

Dun tamaño mediano, a nosa vila permíteche tranquilos paseos por rúas impregnadas de historia, que podes observar en miles de detalles nas fachadas dos nosos edificios históricos. Goza da mellor gastronomía galega bocado a bocado e lembra probar a empanada de millo e os nosos tan famosos berberechos.

A poucos quilómetros da cidade poderás observar fantásticas panorámicas da Ría de Muros e Noia desde as alturas dos montes Iroite e San Lois, este último dende a comodidade dun banco situado nun enclave máxico onde recrearse coa caprichosa orografía e a costa que rodea a nosa localidade.

Varios roteiros de sendeirismo e pequenas xoias nas zonas rurais que rodean a vila, ideais para realizar excursións curtas se pasas uns días en Noia, axudaranche a afastarte da tensión cotiá e mergullarte na paz da nosa verde natureza. Se te decantas por esta opción, aquí podes consultar algúns roteiros.

Non esquezas visitar as nosas praias, bañarte nas cristalinas augas do Atlántico e pechar o plan con boas vistas á ría nun dos locais hostaleiros que se atopan a pé dos areais.