Portus  Apostoli: O Camiño de Santiago desde Noia

O Camiño de Santiago é un dos grandes impulsores da nosa localidade e está irremediablemente ligado á historia e á actividade da nosa vila. O descubrimento dos restos do Apóstolo que deron lugar á creación da cidade de Compostela provocou tamén un gran crecemento nas zonas próximas. Debido á nosa proximidade con Santiago, Noia converteuse no  Portus  Apostoli ou porto de  entrada á cidade do Apóstolo. 

Segundo os textos da época, no ano 1126 e tras a graza concedida polo papa Calixto II á igrexa Xacobea, celebrouse o primeiro Ano Santo Compostelán. Este foi o detonante para que miles de peregrinos, chegados desde moitos puntos de Europa, comezasen a viaxar cara ao sartego do Apóstolo Santiago a través do porto da nosa vila.

«... O camiño que se seguía para chegar desde o porto de Noia ata Santiago de Compostela era o mesmo que percorrían os romanos que  comerciaban cos produtos que traían por mar e que despois de desembarcar no porto do Tambre, distribuíanse polo interior de Galicia. A calzada ascendía por  Toxos  Outos e pasaba por  Sabugueiro,  Costoia, Alto dous Carros,  Luaña,  Viceso, Brión, polas proximidades do castelo de Altamira en dirección a  Augapesada,  Roxos e finalmente Santiago (Ferreira Priegue,  F. 1988 (2). Desde  Augapesada o camiño era o mesmo que o que seguían os peregrinos que ían a Fisterra (Alonso Romero,  F. 1993)».

A pesar de que actualmente non se atopa catalogada como roteiro oficial do Camiño de Santiago, moitos son os que se animan a percorrer as etapas que transcorren polos concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago, nunha ruta que en total suma 38 quilómetros de lonxitude e que atravesa numerosas paisaxes naturais de gran beleza.

Os documentos que testemuñan esta vía son numerosos, e por iso se comezaron os trámites para que se recoñeza este trazado dentro dos planos das Rutas Xacobeas. Animámoste a que o percorras e a que vivas unha experiencia histórica gozando das paraxes naturais e dos edificios históricos que salpican cada paso que vas dar.

En Noia esperámoste cos brazos abertos para recibirte no teu camiño!