Benvidos á nova web de Turismo de Noia

Desde o Concello de Noia dámosvos a benvida á nova web de turismo da nosa localidade, un portal que, esperamos, sirva de xanela para todas as persoas que queiran asomarse a coñecer a oferta turística ou saber máis sobre a nosa vila antes, durante ou despois dunha visita.

En www.noiaturismo.com atoparedes unha web contemporánea divida en cinco seccións diferentes que farán que a navegación sexa moi intuitiva e a procura de información sinxela e rápida: coñece a nosa vila, emociónate, planifica a túa viaxe, axenda e actualidade.

Na sección “Coñece a nosa vila” presentámosvos os recursos turísticos que non podedes perdervos cando veñades visitarnos. Para facilitar a súa procura, organizáronse en diferentes grupos temáticos (festas e mercados, patrimonio, natureza e paisaxe, gastronomía, praias, portus apostoli e museos e centros de interpretación, a nosa historia) que fan que poidades atopar todos os datos e curiosidades do noso municipio, elemento por elemento e a golpe de click. Unha auténtica visita guiada ao longo e ancho da nosa localidade convertida nunha experiencia interactiva que poderedes levar a cabo desde as pantallas dos vosos ordenadores, tabletas ou móbiles grazas ao seu deseño responsive, que se adapta a calquera dispositivo.

Pero ademais de coñecer os nosos recursos, desde Turismo de Noia queremos tamén que a vosa visita sexa divertida e se adapte completamente aos vosos gustos. Por iso, no apartado “Emociónate” propoñémosvos unha serie de plans e rutas ao longo do noso municipio que poderedes escoller dependendo de se viaxades en familia ou se vides para probar os mellores produtos da nosa gastronomía; de se vos apetece practicar actividades de aventura ou preferides unha viaxe máis relaxada empapándovos do espírito do turismo slow; ou de se chegades buscando gozar do amplo programa de eventos e actividades culturais que se organizan na nosa vila durante todo o ano.

Sexa cal sexa o plan polo que vos decantedes, para organizar a vosa viaxe sabemos que necesitaredes acceder a unha serie de datos crave sobre o noso municipio. Na sección “Planifica a túa viaxe” atoparedes toda a información que estades a buscar, como as direccións dos principais edificios públicos ou os servizos de transporte, os horarios e costumes da nosa comarca, a localización e horario da oficina de turismo ou un directorio cos principais aloxamentos e locais de hostalería e lecer da vila.

Ademais, na nosa web atoparedes tamén unha axenda cultural actualizada con todos os eventos e actividades de interese que se celebrarán nas datas próximas á vosa visita, e unha sección de actualidade na que atoparedes curiosidades, novas propostas e información ampliada sobre o Concello de Noia.

Desde Turismo de Noia esperamos que o contido da nosa páxina vos sexa de utilidade, que gocedes coñecendo os segredos do noso municipio e, sobre todo, poder recibirvos moi pronto na nosa vila. Esperámosvos en Noia!