Noia lanza unha web de turismo para consolidar a súa estratexia de promoción no bienio Xacobeo

Noia, 11 de marzo de 2021. Noia dá un paso en firme para converterse nun destino turístico de peso este 2021. Cunha renovada imaxe corporativa na área de Turismo e a súa recentemente estreada web, a vila coruñesa lánzase á conquista de novos visitantes domésticos, nacionais e internacionais, apelando ao peso histórico do municipio, a súa oferta vinculada ao mar e unha potente oferta gastronómica co seu afamado berberecho como referencia.

“Respira mar e historia” é o slogan escollido para atraer a atención cara a un destino que, como se pode apreciar no amplo catálogo de recursos recollidos no  site, dispón dunha rica variedade de edificios históricos, un patrimonio natural moi destacado grazas á súa localización na Ría de Muros e Noia e xunto ao leito do río Tambre, e unha gastronomía de peso vinculada aos produtos KM0.

A nova estratexia dixital, que busca reunir toda a información turística nun mesmo espazo en liña con contido multimedia atractivo e xeolocalización exacta, pasa tamén por visibilizar a axenda turístico-cultural do municipio a través dunha completa sección tanto de programación especial como de citas festivas anuais.

As propostas para o viaxeiro complétanse ademais con plans para diferentes perfís de visitantes. Desde unha escapada en familia ata os detalles do roteiro cara a Santiago que fixeron os primeiros peregrinos que arribaban a Galicia a través do Portus  Apóstoli.

A web está dispoñible en castelán, galego e inglés, completamente adaptada para a súa visualización en dispositivos móbiles e tabletas. Inclúe, á súa vez, un blogue no que se envorcarán contidos actualizados sobre plans e información complementaria do destino.

Os roteiros para descubrir o municipio e os arredores serán unha das principais novidades nesta web nunha segunda fase de implantación, xa prevista para os próximos meses. Poderanse realizar seguindo os trazados a través da xeolocalización sobre un mapa, vendo nunha soa ollada que zonas de interese hai próximas.

A área de Turismo e Cultura de Noia quere, ademais, ofrecer ao sector hostaleiro unha ferramenta máis para a reactivación económica tras un ano de pandemia. Na web poderán, en poucas semanas, subir unha ficha dos seus establecementos, destacando os seus servizos e subindo unha galería de fotos de cada local a través dun  microsite personalizado e dunha área profesional deseñada ad hoc  para a industria turística do municipio.